A Deputación converte a Mary Quintero, “a fotógrafa máis recoñecida de Vigo”, na primeira muller viva en protagonizar o programa provincial “Aquí faltan páxinas”

Sandra Bastos: “Síntome moi feliz de que Mary Quintero, que con 77 anos de traxectoria profesional é unha das grandes pioneiras da fotografía en Galicia, se teña convertido na primeira muller viva en protagonizar os faladoiros de “Aquí faltan páxinas””

26/06/2024

Faladoiro de Mary Quintero- Aquí Faltan Páxinas

A Sede da Deputación en Vigo acolleu un novo faladoiro do programa da institución provincial “Aquí faltan páxinas”. Neste caso, Mary Quintero converteuse na protagonista e na primeira muller viva en formar parte deste programa provincial co que a institución está a “contar historias apaixonantes, das que sentirnos orgullosas, para visibilizar o legado de mulleres vinculadas coa nosa provincia e inspirarnos nelas”, asegurou a deputada provincial Sandra Bastos na inauguración do faladoiro.

“Síntome moi feliz de que Mary Quintero, que con 77 anos de traxectoria profesional é unha das grandes pioneiras da fotografía en Galicia, se teña convertido na primeira muller viva en protagonizar os faladoiros de “Aquí faltan páxinas””, remarcou Bastos quen confesou “admirar” á fotógrafa, “que foi quen de rexentar un estudo propio e estar sempre á vangarda, vivindo a historia da fotografía desde o magnesio ata a dixital”. Tamén recordou a deputada os numerosos premios recollidos por Quintero ou a súa participación en conferencias nacionais e internacionais e subliñou que “non hai familia en Vigo que non teña no seu álbum familiar unha instantánea túa”.

A Deputación de Pontevedra, ademais de converter a Mary Quintero na primeira muller viva en protagonizar o programa “Aquí faltan páxinas”, ten aberta na súa sede de Vigo, ata o 28 de xuño, unha exposición con obras e obxectos que dan boa mostra da traxectoria profesional da fotógrafa. Tamén editou un catálogo, que recolle as súas fotografías e a súa traxectoria, co obxectivo, tal e como remarcou a deputada, de que “Mary Quintero permaneza para sempre entre todas e todos nós”.

A traxectoria da fotógrafa, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa “Aquí faltan páxinas”, pode consultarse nun pódcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify.  Nesta segunda edición do programa, que comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano, recóllense as historias de mulleres como Inmaculada Paz Andrade, Urania Mella, María Araujo, a raíña Urraca I de León, as madriñas de San Simón, as leiteiras de Pontevedra, Mercedes Ruibal, Avelina Valladares, María Pardo ou Placeres Castellanos, ademais de Mary Quintero.

Galerias de imaxes

videos