A Deputación acolle este venres no Castelo de Sobroso un faladoiro sobre a raíña Urraca I de León impartido pola xornalista Isabel San Sebastián
A acción forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas e a xornalista estará acompañada pola experta en historia medieval feminina Carla Trincado
09/09/2024
A raíña Urraca I de León, primeira muller monarca en Europa en exercer un reinado en pleno dereito, será a protagonista este venres 13 de setembro no Castelo de Sobroso dunha nova entrega do programa da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro que comezará ás 19:00 horas a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián (que publicou este ano ‘La temeraria’, un libro centrado na súa figura) e a historiadora experta en historia medieval feminina Carla Trincado.
O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun pódcast que estará dispoñible nos próximo días tanto no sitio web institucional como en Ivoox e Spotify, con testemuños recollidos durante o encontro deste venres. O faladoiro centrarase na alcumada “a Temeraria” polo seu carácter batallador, filla e sucesora Afonso VI e Constanza de Borgoña. En 1109 ascendeu ao trono do reino de León, que abarcaba tamén Galicia. Durante o seu mandato demostrou ser unha muller moi adiantada á súa época, que cambiou as regras que marcaban como debían comportarse as monarcas.
Na España medieval de principios do século XII, nun mundo masculino onde as raíñas só podían dar herdeiros e contribuír co seu dote, a vida de Urraca I de León, foi unha loita constante por conservar o poder e a integridade dos seus feudos ante as ameazas das e dos inimigos e dos seus propios parentes. Os partidarios do seu fillo chegaron a cercala no castelo de Sobroso pero, malia ás numerosas conspiracións, Urraca logrou gobernar en solitario ata o final da súa vida. Tras a súa morte, acusárona de reinar tiránica e femininamente e sufriu a condena da memoria, que durante moitos séculos ocultou o seu gran papel como unha das raíñas máis determinantes da historia de España, só polo feito de ser muller.
A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a artista Mercedes Ruibal, a soprano María Pardo, a política e activista Urania Mella e a combatente María Araujo.