A Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en valor os esforzos por unha educación inclusiva no sur global nunha xornada celebrada no Pazo provincial

A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, sinalou na inauguración de “Soñalo en grande, facelo posible” o compromiso do goberno provincial coa defensa dos dereitos humanos e a promoción dun desenvolvemento humano sostible en todo o mundo

14/11/2024

Sandra Bastos

A Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD celebraron este xoves no Pazo provincial a xornada “Soñalo en grande, facelo posible”, que puxo en valor os esforzos de cooperación global por garantir os dereitos a unha educación inclusiva nas comunidades do sur global. A xornada, que foi inaugurada pola deputada provincial de Benestar Social, Sandra Bastos, e a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, partiu dunha experiencia concreta na comunidade de Champerico (Guatemala) para implantar un modelo educativo que inclúe de maneira real e eficaz as necesidades especiais das súas nenas e nenos.

Sandra Bastos lembrou que esta xornada forma parte do proxecto “Somos Ponte”, no que colaboran ambas as dúas institucións e no que “falamos do que nos conecta co mundo a través do compromiso institucional e a solidariedade cidadá”. A deputada provincial destacou que “a cooperación ao desenvolvemento demostrou con creces ser unha fórmula eficaz para vertebrar procesos de cambio que melloran a vida e os dereitos básicos de milleiros de persoas”, e sinalou o compromiso do goberno provincial á hora de poñer en marcha “solucións globais que impliquen a cidadanía e as institucións” para “defender os dereitos humanos, promover o desenvolvemento humano sostible en todo o mundo e traducir estas accións de sensibilización en máis solidariedade e máis compromiso”. Sandra Bastos lembrou, en canto á temática da xornada, que “por desgraza en moitos lugares do mundo vense reducidos os dereitos máis básicos, como o acceso á educación, e por iso debemos tender pontes para construír sociedades mellores”.

A xornada serviu como punto de encontro de organizacións do terceiro sector, colectivos, tecido asociativo e comunidade educativo para compartir experiencias e coñecementos. O encontro comezou coa proxección da curta documental “Soñarlo en grande”, que recolle a experiencia en Champerico. Grazas a ela construíuse un Centro de Recursos para a Educación Inclusiva pioneiro no país, da man da ONGD Arquitectura sen Fronteiras.

O evento continuou cunha conversa aberta sobre educación e inclusión en Pontevedra e o sur global. Nela participaron Lara Medín, técnica de Arquitectura Sen Fronteiras, corresponsable do proxecto; Erica González, orientadora do CEIP do Foxo (A Estrada), premiado polas súas boas prácticas en educación inclusiva; Paula Tilve, responsable da Área de Educación do Museo Provincial de Pontevedra; Lolo Seoane, membro da Rede pola Educación Inclusiva e responsable do Programa Educación de Fademga-Plena Inclusión Galicia; e Paula Verde, activista, impulsora do proxecto “A miña mirada faiche grande” e coautora do libro “Reconocer la diversidad” e integrante do colectivo Quererla Es Crearla. A xornada incluíu actividades orientadas á participación das persoas asistentes, e pechou cunha intervención artística da man de Brais Pérez e Vanesa Lea, da Fundación Igualarte (Vigo), co nome “Descubríndonos”.

O programa “Somos Ponte”, que desenvolven a Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD por segundo ano, busca divulgar a importancia da cooperación ao desenvolvemento e de visibilizar o que une Pontevedra co sur global. Para iso, ademais desta xornada celebraranse nas vindeiras semanas obradoiros de sensibilización en centros de ensino da provincia, da man de organizacións con presenza activa na nosa contorna, como Amigas da Terra ou Solidariedade Internacional. Tamén se porá en marcha para un público máis amplo un xogo dixital (“Ponte ao día!”) baseado no clásico xogo de preguntas e respostas cambiando o taboleiro e as tarxetas por dispositivos electrónicos, e que xirarán sobre a cooperación, a solidariedade e o sur global. Preestreouse durante a xornada e estará dispoñible en decembro.

Galerias de imaxes