PROGRAMA

Somos Ponte

2024

“Somos ponte” é un programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve en colaboración coa Deputación de Pontevedra co obxectivo de poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento e o importante papel que nela ten a Administración local.


Este mes de novembro terá lugar a segunda edición dunha xornada sobre o citado programa, que tras unha primeira experiencia na que se abordou que é a cooperación ao desenvolvemento, ponse agora o foco nas loitas comúns da cooperación no sur global e nas organizacións, colectivos e entidades da nosa provincia que traballan no eido da inclusión social, co obxectivo de evidenciar as vinculacións de Pontevedra co sur global.

Ademais, o programa desenvolverá varias accións de sensibilización en centros de ensino da provincia, especialmente para o estudantado de secundaria.

Co propósito de divulgar os proxectos apoiados desde a Deputación de Pontevedra e de dar a coñecer a cooperación e os seus valores, ao longo do mes de novembro poñerase a disposición das usuarias e dos usuarios o xogo dixital “Ponte ao día!”. Un formato de preguntas e respostas adaptado á contorna dixital para xogar de maneira autónoma ou grupal que permitirá non só aprender moitas cousas sobre o mundo que nos rodea, senón tamén participar nun sorteo.

XORNADA 

Soñalo en Grande, Facelo Posible

A xornada Soñalo en Grande, Facelo Posible aborda un deses nexos de unión, neste caso, a loita polo dereito a unha educación inclusiva, a partir da experiencia da comunidade de Champerico (Guatemala) na implantación dun modelo educativo ―co apoio da cooperación galega― que inclúe de maneira real e eficaz as necesidades especiais das súas nenas e nenos.

Esta experiencia inspiradora está recollida na curta documental Soñarlo en grande, da que se tira o título desta xornada e que quere ser un punto de encontro de organizacións do terceiro sector, colectivos diversos, tecido asociativo e comunidade educativa no que compartir experiencias e coñecementos, ademais de tecer redes arredor dunha cuestión que interpela ao conxunto da sociedade.

A xornada desenvolverase o vindeiro xoves 14 de novembro, de 10:00 a 13:30 h, no salón de plenos do Pazo provincial, en Pontevedra, co seguinte programa:

10:00 h Benvida institucional, a cargo da Deputación e da Coordinadora Galega de ONGD.

10:15 h Presentación do documental Soñarlo en grande e proxección.

11:00 h Conversa aberta sobre educación e inclusión en Pontevedra e no sur global, con:

  • Lara Medín, técnica de Arquitectura Sen Fronteiras, corresponsable do proxecto.
  • Erica González, orientadora do CEIP do Foxo (A Estrada), premiado polas súas boas prácticas en educación inclusiva.
  • Paula Tilve, responsable da Área de Educación do Museo Provincial de Pontevedra.
  • Fademga-Plena Inclusión Galicia.
  • Paula Verde, activista, impulsora do proxecto “A miña mirada faiche grande”, coautora do libro Reconocer la diversidad e membro do colectivo Quererla Es Crearla.

Na conversa participará tamén, a través dunha intervención pregravada, Damián Tilve, coordinador da Asociación Indíxena Agropecuaria Pro-desenvolvemento Integral, corresponsable do proxecto levado a cabo en Champerico.

12:15 h Pausa para o café, cunha exposición de materiais das organizacións, tempo para tecer redes e a preestrea do xogo “Ponte ao día!

12:45 h Dinámica conxunta e participativa.

13:15 h Peche da xornada: Descubríndonos, intervención artística de Vanesa Lea e Brais Pérez (Fundación Igualarte)

A asistencia é libre e gratuíta, pero prégase, por cuestións de organización, inscribirse previamente clicando aquí

Ligazóns de interese