A Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en valor a solidariedade da provincia na xornada Somos Ponte
O encontro, que tivo lugar no Pazo provincial e foi inaugurado pola deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, serviu de espazo de encontro entre organizacións de cooperación, responsables políticos e técnicos da Administración local
29/11/2023
O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acolleu a xornada do encontro Somos Ponte, unha cita que forma parte do programa de sensibilización homónimo, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Deputación de Pontevedra. O encontro, dedicado á cooperación, ao desenvolvemento e, máis concretamente, á importancia da implicación das administracións locais cos proxectos que as ONGD galegas desenvolven no sur global, buscaba poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento, ao facilitar información de primeira man sobre ela, e ser punto de encontro de profesionais do terceiro sector, corpo técnico da Administración e responsables políticos con interese neste ámbito.
A deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, foi a encargada de inaugurar a xornada xunto a María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD. No acto, Bastos destacou a importancia deste proxecto e desta xornada, “porque temos que visibilizar todo o traballo que estades a facer desde as ONGD para que lle chegue á sociedade. Estou encantada con esta ponte que estamos construíndo todos xuntos”. Tamén en liña co lema da xornada, a responsable provincial de Benestar Social lembrou que “na Deputación de Pontevedra somos ponte para o desenvolvemento local. Estamos comprometidos coa xustiza social a nivel global, máis alá dos nosos territorios”.
Nese sentido, durante a xornada destacáronse algúns dos proxectos cos que colaborou a Deputación de Pontevedra, nos que se destinaron preto de 90.000 euros a mellorar a vida e o desenvolvemento sostible da poboación de Honduras, Bolivia, Mozambique e O Salvador, entre outros. Así, conectouse con mulleres de San Francisco Morazán, en Honduras, para fortalecer o seu liderado e mellorar a súa autonomía económica, con numerosas comunidades do municipio hondureño de El Corpus coas que traballaron activamente aspectos coma a violencia de xénero, ou con familias en Sofala-Mozambique, para impulsar melloras no seu sistema de produción agrícola.
Un programa baseado na experiencia en primeira persoa
Un dos obxectivos de Somos Ponte era poñer en valor o traballo das organizacións galegas e as contrapartes, ONG locais coas que desenvolven proxectos no sur global. Desta maneira, profesionais de Médicos do Mundo, Arquitectura sen Fronteiras, Fundación Balms, Entreculturas, Mans Unidas, Azada Verde ou Solidariedade Internacional explicaron diversas cuestións necesarias para entender o alcance da cooperación ao desenvolvemento e a importancia das leis públicas neste ámbito. Tamén participaron técnicas e técnicos e responsables de entidades colaboradoras ou financiadoras de proxectos, coma a Universidade de Vigo, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ou a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Neste 29 de novembro celébrase, ademais, o Día Mundial das Defensoras de Dereitos. Precisamente, para falar da cooperación ao desenvolvemento desde a perspectiva do sur global, a xornada contou co testemuño presencial de dúas defensoras dos dereitos humano: Roxanna Cubías, responsable de xestión de proxectos en organizacións locais do Salvador, e Juventina López, destacada activista na loita polo dereito ao acceso á terra e a un hábitat digno da etnia Mam de Guatemala.