Programa "Somos ponte"
Ponte ao día!
Xogo dixital
Ponte ao día! é un xogo dixital de preguntas e respostas que ofrece a posibilidade de saber máis sobre cuestións relacionadas coa cooperación galega ao desenvolvemento e cos países nos que se traballa: cantos idiomas existen en Guatemala, onde está o tren máis longo do mundo, que significan as siglas “ONGD” ou que é a cooperación descentralizada.
Ponte ao día! ofrece unha modalidade de xogo individual e colectivo, así como dous niveis de dificultade. A súa dinámica consiste en formular unha pregunta e proporcionar tres posibles respostas e unha explicación sinxela para ampliar coñecementos. Logo, ao final da partida, amósase unha estimación de acertos e erros. A maiores, ata o 16 de decembro será posible rexistrarse para participar nun sorteo de Nadal, que consiste nunha cesta de agasallos. Unha parte deses agasallos elaborárona usuarias e usuarios das asociacións pontevedresas Lenda Saúde Mental e Alba, mentres que a outra é unha selección de produtos da tenda de comercio xusto de Solidariedade Internacional da cidade de Pontevedra.
Ponte ao día! é unha das accións do programa “Somos ponte”, que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve co apoio da Deputación de Pontevedra.