A Deputación leva este venres a Salvaterra o circuíto +Escénicas con “Running”, de Ste Xeito Producións
O espectáculo, para maiores de 12 anos, poderá verse de balde ás 21:00 horas na Casa Cultural de Salvaterra
26/12/2024
A Deputación de Pontevedra leva este venres 27 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Salvaterra de Miño co espectáculo de teatro “Running”, de Ste Xeito Producións. A función comezará ás 21:00 horas na Casa Cultural da vila, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.
“Running”, dirixido a maiores de 12 anos, chegará ata Salvaterra para afondar nas axendas das familias, nos deberes e obrigas, nos coidados. Narra a historia de Xulia e Román, dúas persoas que aínda non saben se tanto se queren pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.