A Deputación leva este xoves a Arbo, Baiona e Salceda de Caselas o circuíto +Escénicas con tres pezas de teatro para toda a familia

“Lúa quere viaxar a… Marte” de A Xanela do Maxín chegará ás 11:00 horas á biblioteca municipal de Arbo mentres que á praza do Concello de Baiona viaxará ás 18.00 horas “Cirkote” de Kote Malabar e á mesma hora na praza do Concello de Salceda “Aldea Musical de Nadal” de Nelson Quinteiro

23/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 26 de decembro o circuíto +Escénicas aos concellos de Arbo, Baiona e Salceda de Caselas con tres pezas de teatro para toda a familia. Así, “Lua quere viaxar a…Marte” de A Xanela do Maxín chegará ás 11:00 horas á biblioteca municipal de Arbo mentres que á praza do Concello de Baiona viaxará ás 18:00 horas “Cirkote” de Kote Malabar e á mesma hora na praza do Concello de Salceda “Aldea Musical de Nadal” de Nelson Quinteiro. Estas tres pezas enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Lúa quere viaxar a… Marte!” é unha actividade de teatro infantil que busca fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Despois de dar a volta ao mundo, Lúa sorprende a súa familia e amizades coa nova de que quere ser astronauta e viaxar ao planeta vermello. A pesar de todos os atrancos e dificultades, Lúa non está disposta a renunciar ao seu soño e fará todo o posible para logralo. O espectáculo afonda na idea de que hai e houbo grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas, que son o referente de Lúa para seguir adiante e enfrontarse aos impedimentos que se lle queren impoñer.

Pola súa banda “Cirkote” ofrece un espectáculo que combina técnicas de circo, clown e teatro cómico e de participación, nunha relación directa actor-público a través dun espectáculo no que pode acontecer de todo e no que pode que ata o espectador remate sendo a estrela da función.

Finalmente “Aldea musical de Nadal” é unha actividade de teatro familiar e musical con percusión corporal, percusión con elementos pouco convencionais, axóuxeres, campás, campaniñas, campás afinadas e un feixe de instrumentos. Os habitantes da Aldea Musical de Nadal contarán como é a súa vida nun lugar máxico e sorprendente onde sempre é Nadal. O arranxo polifónico das voces, a instrumentación, a súa caracterización e mais o emprego dunha fórmula de creación do espectáculo baseada na musicoterapia educativa leva a escena unha montaxe entrañable e tenra para as datas de Nadal.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.