A Deputación leva este venres a Campo Lameiro, A Lama, Poio e Vilaboa o circuíto +Escénicas con catro pezas de teatro para toda a familia

“Pequenas grandes maxias” de Mago Tego chegará ás 19:00 horas ao auditorio Sobrino Buhigas(Campo Lameiro), “O libro máxico” de Expresión Producións ás 17:30 horas ao edificio multiúsos da Lama, “Clownamorado” de Rudi Dudi ás 18:00 horas á carpa Poio Máxico da Seca (Poio) e “Titiricircus” de Tanxarina ás 20:00 horas á Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa)

26/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este venres 27 de decembro o circuíto +Escénicas aos concellos de Campo Lameiro, A Lama, Poio e Vilaboa con tres pezas de teatro para toda a familia. Así, “Pequenas grandes maxias” de Mago Teto chegará ás 19:00 horas ao auditorio Sobrino Buhigas (Campo Lameiro), “O libro máxico” de Expresión Producións ás 17:30 horas ao edificio multiúsos da Lama, “Clownamorado” de Rudi Dudi ás 18:00 horas á carpa Poio Máxico da Seca (Poio) e “Titiricircus” de Tanxarina ás 20:00 horas á Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa). Estas catro pezas enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Pequenas grandes maxias” é unha viaxe aos soños do mago Teto que fará ao espectador atravesar o espello do mundo real ao da fantasía para sentir unha serie de emocións únicas. Viaxes imposibles de elementos dos espectadores, ruletas rusas canto menos curiosas, predicións dos números dun sorteo de lotería moi peculiar, estrañas coincidencias e incluso o intento por parte do mago de explicar algún xogo poderanse ver nos 75 minutos de maxia e humor deste espectáculo, o mais persoal e novidoso do Mago Teto.

Pola súa banda “O libro máxico” trátase dun espectáculo para desfrutar en familia con teatro, monicreques, contacontos, maxia, animación, clown e música en directo que comeza cun libro máxico xigante do que sairán personaxes que contarán historias, farán maxia, algunha trasnada e mesmo cantarán. No caso de “Clownamorado”, un clown namórase totalmente dunha persoa do público o que provoca que o espectáculo saia do revés xa que o seu corazón vai a mil, ponse tímido e nervioso, perde a concentración e canto máis intenta impresionar á persoa da que está namorado, máis aumenta o caos.

Finalmente “Titiricircus” é unha lembranza fantástica e festiva do grande circo de carpa alta e bicolor na que dous vellos traballadores lembran con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista do circo. Nun permanente xogo participativo co público e a través dun espectáculo huno cargado de humor, van aparecendo os números máis importante daquel vello circo xa desaparecido como o home máis forte da Península Ibérica ou o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.