A Deputación leva este luns ao Grove o circuíto +Escénicas con “Contos e cantarelas”, de Bea Campos

A peza teatral, para o público infantil, poderá verse a partir das 18:00 horas na biblioteca municipal, situada na Casa da Cultura

29/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este luns 30 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello do Grove cunha peza de teatro infantil, “Contos e cantarelas”, a cargo de Bea Campos. A función comezará ás 18:00 horas na biblioteca municipal, situada na Casa da Cultura, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Contos e cantarelas” é unha merenda moi especial chea de contos, teatro e cantarelas. Bea Campos xa ten todo preparado: unha cesta chea de historias, bocadillos, música… e ata un parasol por se fai moita calor. Á súa celebración tamén irán un crocodilo moi curioso, tres chibos ‘chibóns’ e un ogro pasmón. O espectáculo está pensado para a rapazada a partir dos 2 anos.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.