A Deputación leva este venres a Baiona e Mondariz-Balneario o circuíto +Escénicas con “Globotolo”, de A Farra Xous, e “Os tres porquiños”, de Migallas Teatro

A peza teatral de Baiona poderá verse a partir na Praza do Concello, e a de Mondariz-Balneario na Sala de cultura, ambas as dúas ás 19:00 horas

01/01/2025

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas aos concellos de Baiona cunha peza de clown familiar, “Globotolo” de A Farra Xous, e Mondariz-Balneario, cunha adaptación para bebés do conto “Os tres porquiños”, a cargo de Migallas Teatro. Os espectáculos enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

En “Globotolo” o pallaso Lolo fará as delicias da rapazada e sorprenderá as persoas adultas facendo figuras imposibles con globos e gags divertidos. O espectáculo ten unha perspectiva cómica e interactiva onde o público se sentirá parte integrante, e contará cunha posta en escena onde a ilusión do clown se mesturará nun cóctel de risas e gargalladas. A función comezará ás 19:00 horas na Praza do Concello de Baiona.

“Os tres porquiños” é un espectáculo teatral para bebés a partir de 6 meses con monicreques, teatro, xogos tradicionais e cancións, protagonizado por Bea Campos. Sons, texturas e cores captan a atención dos nenos nunha proposta sinxela e divertida para gozar en familia. O espectáculo conta con dúas partes, unha primeira durante a cal as familias poderán gozar da proposta escénica, e unha segunda na que a actriz achegará a escenografía ao público, que poderá ver como están realizados os bonecos, as casiñas e os elementos escenográficos. O espectáculo terá lugar na Casa de cultura de Mondariz-Balneario ás 19:00 horas.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.