A Deputación leva o programa +Escénicas a Forcarei coa obra teatral “Máis Saaabor!” de Culturactiva Producións
A peza, para todos os públicos, poderá verse no Centro social o próximo venres 3 de xaneiro ás 19:30 horas
01/01/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Forcarei coa obra teatral “Máis Saaabor!”, a cargo da compañía Culturactiva Producións. A peza, para todos os públicos, poderá verse no centro social de Forcarei a partir das 19:30 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
O espectáculo “Máis Saaabor!”, herdeiro de “Saaabor!” tralo seu éxito, é unha proposta cómica para público infantil e familiar que xira arredor do mundo da gastronomía e da alimentación saudable. A peza mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e a participación do público dentro do seu food truck, un carro de xantar de grandes dimensións do que xorden infinidade de xogos cómicos, xogos máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música. Os chefs ofrecen un menú degustación con propostas dos cinco continentes que deixará o público cun moi bo sabor de boca e ganas de repetir.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.