A Deputación organiza no Museo de Pontevedra un concerto do pianista Juan Carlos Cambas no que explora as conexións entre a música galega e a arxentina e repasa 30 anos de traxectoria
Será este xoves 19 ás 19:00 h no Edificio Castelao, coas voces convidadas de Tarka Gulín, Jorgelina Piana e Rosa Leiro
17/12/2024
O Museo de Pontevedra programa este xoves 19 de decembro, ás 19:00 h no Edificio Castelao o concerto ‘Notas da viaxe/30 anos de música’. Nel, o pianista arxentino Juan Carlos Cambas, que ten colaborado con estrelas como Dulce Pontes, Mercedes Sosa ou Silvio Rodríguez, repasa 30 anos de carreira acompañado de Manolo Gómez no charango, Tarka Gulín en voz e violonchelo, e as cantantes Rosa Leiro e Jorgelina Piana.
Juan Carlos Cambas dedícase profesionalmente á música desde 1992. Gañou o Festival Nacional de Baradero en 1995 na categoría de "solista instrumental" e gravou o seu primeiro CD, ‘Solo luz’ en 1997. Ao longo da súa carreira compartiu escenario con artistas da altura de Mercedes Sosa e Silvio Rodríguez. Desde 2002 reside en Galicia, onde leva 22 anos tendendo pontes culturais entre Galicia e Arxentina, labor pola que foi recoñecido como Embaixador da Música Arxentina polo Estado Arxentino en 2018. Desde 2009 colabora coa cantora portuguesa Dulce Pontes, percorrendo xuntos 26 países.
‘Notas da viaxe/30 anos de música’ é un proxecto que representa o ADN artístico de Cambas, unha biografía musical contada en primeira persoa a través do piano. O espectáculo busca transmitir músicas con identidade e pertenza, pensadas para almas viaxeiras, transcendendo fronteiras e creando unha ponte musical atlántica entre Arxentina e Galicia.
O concerto estrutúrase en tres partes principais: a primeira dedicada ao folclore arxentino e sudamericano, incluíndo ritmos como o carnavalito e a milonga pampeana; a segunda centrada na música galega, con baladas baseadas na poesía de Rosalía de Castro; e a terceira enfocada no tango arxentino, con obras de Astor Piazzolla e Carlos Gardel. Ademais, incluirá un segmento dedicado ao nadal coa "Misa criolla".
Residencias artísticas
Este novo enfoque de Novos Valores supón unha consolidación da aposta do Museo de Pontevedra e da Deputación por favorecer a internacionalización da creación contemporánea galega mediante a fórmula de residencias artísticas, así como dar visibilidade a proxectos artísticos contemporáneos, impulsar a formación e a promoción da arte, e contribuír ao establecemento de redes creativas e colaborativas na arte, o deseño e a ciencia, tanto desde a teoría como desde a práctica.
Para poder executar estas novas residencias artísticas, a Deputación asinou un convenio de colaboración con Madrid Destino, Cultura, Turismo y Negocio SA para a realización das residencias artísticas no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, e coa Fondation Walter & Nicole Leblanc para a parte das residencias que ten lugar en Bruxelas. Estas entidades facilitan os espazos nos que se desenvolverán as residencias, mentres que a Deputación de Pontevedra aporta 19.000 € e asumirá os custos relativos ao transporte das obras, unha vez rematada a residencia.