A Deputación e a Ruta do Viño Rías Baixas aliaranse para potenciar o enoturismo cunha nova cata no Castelo de Soutomaior
O presidente provincial Luis López remarcou que a actividade, que terá lugar o domingo 10 de novembro e servirá para festexar o Día Mundial do Enoturismo, trátase “dunha auténtica experiencia 100% Rías Baixas que, estou seguro, non defraudará”
24/10/2024
A Deputación de Pontevedra, xunto coa Ruta do Viño Rías Baixas, organiza o vindeiro domingo 10 de novembro no Castelo de Soutomaior unha cata de viños a cargo do sumiller Nacho Costoya con motivo do Día Mundial do Enoturismo. “Esta cata será unha auténtica experiencia 100% Rías Baixas e que, estou seguro, non defraudará”, asegurou o presidente provincial Luis López.
En concreto a cata constará de dúas fases. Nunha primeira, os asistentes poderán degustarán os cinco viños DO Rías Baixas que presentará Nacho Costoya e, nunha segunda, que será totalmente a cegas, degustarán tres dos cinco viños, debendo acertar para gañar. Entre os gañadores sortearase un “eno-pack” para dúas persoas, que comprende aloxamento en media pensión e visita a unha adega da Ruta do Viño Rías Baixas. Ademais, todos os asistentes recibirán un regalo sorpresa por participar no acto.
A cata pecharase cunha degustación, amenizada con música en directo, na que colabora ANFACO-CECOPESCA, o que fai que, en palabras do presidente provincial, esta sexa “unha actividade única, na que o viño da DO Rías Baixas e as conservas da provincia, dous produtos que tanto nos identifican, serán os protagonistas”. A actividade contará cun centenar de prazas e as persoas interesadas poderán formalizar a súa entrada proximamente a través da web do Castelo de Soutomaior.