A Deputación reforza o seu compromiso co enoturismo impulsando accións conxuntas de promoción coa Ruta do Viño Rías Baixas
A institución provincial destina este ano 20.000 euros á Ruta do Viño Rías Baixas, 14.000 euros máis que o que destinaba á entidade o anterior goberno da Deputación
28/05/2024
A Deputación de Pontevedra de Pontevedra reforza o seu compromiso co enoturismo poñendo en marcha accións conxuntas de promoción coa Ruta do Viño Rías Baixas. Deste xeito, a institución provincial acaba de asinar un convenio coa entidade enoturística por valor de 20.000 euros, 14.000 euros máis que o que destinaba á Ruta do Viño Rías Baixas o anterior goberno da Deputación.
A través deste convenio preténdese divulgar e promover Rías Baixas como destino enogastronómico dentro do territorio nacional e internacional. Para elo porase en valor a riqueza que posúe a provincia de Pontevedra como destino enoturístico, na aposta do Goberno provincial por este produto en auxe, con perspectiva de crecemento, desestacionalizador e dirixido a todo tipo de públicos. Ademais, cómpre ter en conta que a tarefa de divulgación e promoción realizada propiciou que o enoturismo sexa xa sinónimo de natureza, cultura, gastronomía e experiencias únicas e singulares, todo baixo o selo común do viño D.O. Rías Baixas e a súa historia.
A Ruta do Viño Rías Baixas ten un importante potencial, sendo a sexta ruta con máis visitantes a adegas dentro das 36 Rutas do Viño que se atopan dentro do Club de Produto de Rutas do Viño de España. Entre os seus obxectivos, a asociación contempla xerar actividades enoturísticas de calidade para proporcionar experiencias acordes ás necesidades dos visitantes e, ao mesmo tempo, conseguir que serva como ferramenta de desenvolvemento, en especial dos sectores enolóxico e turístico.