A Deputación supervisa en Poio os traballos de conservación de firme nas estradas provinciais EP-0601 Portosanto-Campelo-PO308 e EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo

A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, percorreu os tramos de ambas estradas onde se está a traballar ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial

22/11/2024

Isabel Couselo na visita as estradas de Poio

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, supervisou en Poio xunto co alcalde da localidade, Ángel Moldes, as obras que a institución está a acometer nas estradas provinciais EP-0601 Portosanto-Campelo-PO 308 e EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo. Estes traballos están incluídos no lote 4 do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial que contempla un orzamento total para o conxunto da provincia de 4,5 millóns de euros.

Isabel Couselo sinalou que a actuación que se está a executar nestas dúas infraestruturas de titularidade provincial consiste na reposición da capa de rodadura ao longo de 1000 metros, actuando nuns 3.500 m2, con aglomerado en quente (AC 16 Surf 50/70 S). Os traballos consisten en operacións de mantemento do firme, así como da súa capacidade portante e da reposición da sinalización horizontal e drenaxe afectadas. Con estas obras corríxese o estado do pavimento das estradas provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras. Tamén recordou a deputada provincial que ademais destas actuacións de conservación, na EP-0601 Portosanto-Campelo-PO308 estase a traballar na redacción dun proxecto para incorporar espazos peonís e mellorar a seguridade viaria.

A deputada provincial informou de que esta é só unha das actuacións que a Deputación de Pontevedra está a executar nas vías provinciais que atravesan esta contorna ao abeiro do lote 4 do acordo marco de obras de conservación de firmes. Deste xeito, proximamente está previsto que comecen actuacións en estradas provinciais da zona enmarcadas nese mesmo lote como a  EP-1103 San Benito-Domaio, EP-0407 Borela-Ponte Caldelas; EP-0404 Viascón-Cuspedriños; EP-0307 Peso-Caroi; EP-0301 A Lama-Ponte Verdugo; EP-0306 Ponte Verdugo-Cambeses; EP-8302 Chacente-Morillas-San Isidro e na EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira.