A Deputación de Pontevedra avanza co Concello de Poio nunha proposta nova para a mellora da seguranza viaria e senda peonil na EP-0601 Portosanto-Campelo

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Poio, Ángel Moldes, para estudar a mellor alternativa para integrar as necesidades reais da veciñanza

10/07/2024

Isabel Couselo reunida co alcalde de Poio

A Deputación de  Pontevedra avanza co Concello de Poio nunha proposta nova para a mellora da seguranza viaria e senda peonil na estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-PO-308. Neste eido, a deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Poio, Ángel Moldes, para estudar a mellor alternativa co fin de integrar as necesidades reais da veciñanza da vila.

Na xuntanza, tanto a deputada como o alcalde analizaron polo miúdo as conclusións realizadas polos técnicos provinciais tras analizar as propostas, opinións e consideracións que formulou a veciñanza afectada pola humanización da estrada provincial EP-0601 nas reunións que se organizaron no primeiro trimestre de ano e que serviron para explicarlles en que consistía este proxecto, redactado en 2022.

Tal e como avanzaron Isabel Couselo e Ángel Moldes, a maior parte das peticións que presentaron os veciños nesas xuntanzas poderanse integrar na nova proposta, que vai corrixir o proxecto inicial e adaptalo ás necesidades e idiosincrasia de Campelo.