Deputación e Concello de Poio completan a transformación integral da estrada Portosanto-Campelo cun novo investimento de 3 millóns
Gregorio Agís presentou o proxecto da segunda fase de mellora do viario, “unha actuación ambiciosa e integral de mellora para potenciar e dinamizar esta estrada baixo o noso modelo de mobilidade sostible e segura”
30/03/2023
“Unha actuación ambiciosa e integral de mellora de todos os servizos”. Así definiu hoxe o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, o proxecto da segunda fase da mellora da mobilidade na estrada provincial de Campelo, en Poio (EP-0601 Portosanto-Campelo), na que se investirán tres millóns de euros para completar a súa transformación e adaptalo ao modelo sostible e seguro da Deputación. Os traballos completan a recuperación desta estrada despois dunha primeira fase na que se investiron 1,7 millóns e que recibira unha achega de 1,4 millóns de fondos europeos a través do IDAE.
Dos 3 millóns de euros de investimento na actuación, a Deputación aportará o 70% do financiamento (2,1 millóns) e o Concello de Poio o restante 30% (900.000€), e ambas administracións asinarán proximamente o convenio para axilizar a tramitación do proxecto e poder iniciar a obra, que terá un prazo de execución de 18 meses, canto antes. O tramo no que se vai actuar ten 1,8 quilómetros desde a praza da Granxa e a contorna da Seara, xusto ao final do viario, que conecta coa PO-308, e suporá a habilitación dunha senda peonil ao longo do ámbito que, xunto aos itinerarios executados no anterior tramo, deixará toda a estrada “en condicións de seguridade para que as persoas poidan transitar”. Os traballos na EP-0601 únense amais aos realizados en materia de mobilidade no Camiño Casal (Camiño Real) e en Seara, que conectan con esta estrada, “polo que seguimos actuando na transformación total desta contorna”. “O obxectivo é potenciar e dinamizar a estrada, recuperando espazo público cunha actuación transformadora que pretende dotar de calidade a esta contorna, que conta cun importante tránsito peonil ao estar preto de equipamentos como a biblioteca, e ao mesmo tempo mellorar a seguridade viaria”, explicou o deputado.
O proxecto inclúe en primeiro termo a remodelación da praza da Granxa, na que se contempla unha plataforma compartida con preferencia peonil na estrada e unha zona de estancia e esparexemento para a veciñanza no lugar de acceso á igrexa. Por outra banda, procederase á rehabilitación da totalidade do firme da estrada, á mellora da intersección co Camiño dos Mouchos e ao longo do viario instalaranse tres pasos peonís sobreelevados. Crearanse tres zonas de estancia con bancos e pequenas zonas verdes e acondicionarase e mellorase a fronte das parcelas con edificacións na marxe esquerda. As actuacións, que buscan “dotar de calidade urbana a esta contorna co uso de materiais duradeiros” promoverán a integración paisaxística coa disposición de zonas axardinadas. Tamén se colocará mobiliario urbano accesible.
As obras completaranse coa adecuación de todos os servizos, desde o saneamento á recollida de pluviais, cunha obra de drenaxe que, como subliñou o deputado, permitirá resolver os problemas de acumulación de auga nalgúns puntos do viario. Tamén se dotará á contorna dun novo alumeado público a base de tecnoloxía led e soterraranse as redes de electricidade e telecomunicacións.