A Deputación publica as bases dos Campamentos A Lanzada, nos que poderán participar este verán máis de 1.500 nenos da provincia

O período de solicitudes estará aberto entre o 3 e o 21 de marzo, mentres que o programa se desenvolverá entre o 22 de xuño e o 6 de setembro en 11 quendas semanais

17/02/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases dos Campamentos A Lanzada de 2025, nos que se ofertarán máis de 1.500 prazas para nenos e nenas empadroadas na provincia e nadas entre os anos 2012 e 2017. As prazas de solicitude do programa, que conta cun orzamento de 470.000 euros, estarán abertas entre os días 3 e 21 de marzo, mentres que o programa terá lugar entre o 22 de xuño e o 6 de setembro, organizado en 11 quendas semanais de domingo a sábado con 210 prazas en cada.

Do total de 1.540 prazas ofertadas, 1.330 adxudicaranse polo procedemento xeral, mentres que outras 210 quedarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión. Neste último caso, a subvención cubre o 100% do gasto, mentres que para os admitidos no procedemento xeral o ente provincial subvenciona 130,93 euros do custo por persoa, polo que as familias só terán que abonar 110 euros e, no caso das familias numerosas e monoparentais, 80 euros por praza. As prazas adxudicaranse por sorteo mediante un algoritmo informático, no que o ano pasado participaron un total de 3.966 nenos.

A Deputación ofertará nos Campamentos A Lanzada un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza, así como a dinamización e o coñecemento multicultural da contorna. Ademais, tamén se organizarán visitas á illa de Ons e outras excursións relacionadas coa natureza e co coidado do medio. Ademais, está previsto realizar o habitual obradoiro para escoller a mascota oficial do programa. De feito, a imaxe desta edición dos Campamentos é o León Ramón, mascota gañadora da anterior edición.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.