Luis López anuncia obras no Centro Vacacional da Lanzada por valor de 300.000€ para que os campamentos de verán da Deputación sigan sendo “unha vivencia inolvidable”
O presidente provincial, acompañado polo deputado Marcos Guisasola; lembra que o prazo de presentación de solicitudes para participar nos campamentos rematou este luns cunha demanda novamente sobresaínte de máis de 4.000 menores
27/03/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia obras de mellora no Centro Vacacional da Lanzada que o ente provincial ten en San Vicente, no Concello do Grove, por valor de máis de 300.000 euros para ofrecer a mellor experiencia posible aos menores da provincia que participan cada verán nos campamentos da Lanzada. “Son medidas encamiñadas a proporcionar as mellores infraestruturas posibles para os veciños e veciñas da provincia, que virán desfrutar destes campamentos procedentes de todos os concellos da provincia, para que poidan ter unha vivencia inolvidable”, explicou o presidente López o obxectivo das obras despois de percorrer as instalacións do centro acompañado polo deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, e técnicos da Deputación.
As obras afectarán a distintos volumes deste recinto de titularidade provincial. Con cargo ao orzamento do ano 2024 executaranse traballos valorados en 157.000 euros, que se centrarán na automatización do sistema de rego (12.800€), na mellora do sistema de recollida de augas pluviais a través da substitución de colectores, arquetas, a construción dun pozo e a repavimentación das zonas afectadas (31.000€), a substitución do material da cuberta dos vestiarios (48.200€) e a adecuación da fachada do edificio do comedor (66.400€).
“Non quedamos aí e este venres incluímos unha modificación de crédito de 150.000 euros para seguir facendo melloras na Lanzada”, adiantou o dirixente. Deste xeito, procederase tamén á demolición do graderío do anfiteatro existente para construír unha nova bancada natural aproveitando a orografía do terreo, á renovación exterior dos bungalows e á substitución das carpinterías da nave dos vestiarios. “Unha nova mostra do compromiso desta Deputación coa conservación das súas instalacións e un paso adiante na prestación dos mellores servizos á cidadanía”, resumiu o presidente.
Datos provisionais
Con motivo desta visita, lembrou o mandatario provincial que os preparativos para unha nova edición dos campamentos de verán da Lanzada xa están en marcha. Este luns pechouse o prazo de presentación de solicitudes e as estimacións iniciais apuntan, un ano máis, a unha moi alta demanda. Segundo os datos provisionais do servizo, recibíronse un total de 3.103 solicitudes de proxenitores, o que significa que hai arredor de 4.000 rapaces e rapazas da provincia nacidos entre os anos 2012 e 2017 agardando por unha das 1.540 prazas dispoñibles.
Estes campamentos da Lanzada son xa unha referencia na oferta de ocio infantil do verán na provincia. Unha ferramenta extraordinaria “para conciliar a vida laboral e familiar” durante as vacacións escolares, unhas actividades de calidade para “desfrutar desta marabilla cultural e paisaxística” e unha oferta única para concienciar ás novas xeracións de que “vivimos nun paraíso natural incomparable do que temos o privilexio de desfrutar e o deber de coidar”, concluíu o presidente, convencido de que os participantes destes campamentos rematarán a súa experiencia preguntando aos seus proxenitores, como di o lema de turismo Rías Baixas: “Cando volvemos?”.