A Deputación mantén aberto ata o vindeiro venres 21 de marzo o prazo para inscribirse nos Campamentos A Lanzada 2025
Desenvolveranse entre o 22 de xuño e o 6 de setembro en 11 quendas semanais e ofertan 1.540 prazas para nenas e nenos empadroados na provincia e nados entre 2012 e 2017
13/03/2025
Última semana para solicitar praza nos Campamentos A Lanzada 2025, que este ano ofertan 1.540 prazas para nenos e nenas empadroadas na provincia e nados entre os anos 2012 e 2017. Ata o 21 de marzo poderá solicitarse unha das prazas para que a rapazada desfrute deste programa de lecer, que se desenvolverá nas instalacións que a institución provincial ten no Grove a través de 11 quendas semanais, de domingo a sábado, con 140 prazas en cada unha, entre o 22 de xuño e o 6 de setembro.
A primeira das quendas dos Campamentos A Lanzada comezará o 22 de xuño e estenderase ata o 28 dese mesmo mes. As restantes terán lugar entre o 29 de xuño e o 5 de xullo, o 6 e o 12 de xullo, o 13 e o 19 de xullo, o 20 e o 26 de xullo, o 27 de xullo e o 2 de agosto, o 3 e o 9 de agosto, o 10 e o 16 de agosto, o 17 e 23 de agosto, o 24 e o 30 de agosto, e o 31 de agosto e o 6 de setembro, se ben a duración da derradeira quenda estará condicionada á data de comezo do curso escolar 2024-2025 que publicará a Xunta de Galicia proximamente.
Do total de 1.540 prazas ofertadas, 1.330 adxudicaranse polo procedemento xeral, mentres que outras 210 quedarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión. Neste último caso, a subvención cubre o 100% do gasto, mentres que para os admitidos no procedemento xeral o ente provincial subvenciona 130,93 euros do custo por persoa, polo que as familias só terán que abonar 110 euros e, no caso das familias numerosas e monoparentais, 80 euros por praza. As prazas adxudicaranse por sorteo mediante un algoritmo informático, no que o ano pasado participaron un total de 3.966 nenos.
A Deputación oferta a través dos Campamentos A Lanzada un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza, así como a dinamización e o coñecemento multicultural da contorna. Ademais, tamén se organizarán visitas á illa de Ons e outras excursións relacionadas coa natureza e co coidado do medio, así como o xa tradicional obradoiro para escoller a mascota oficial do programa. De feito, a imaxe desta edición dos Campamentos é o León Ramón, mascota gañadora dos Campamentos A Lanzada 2024.