A Deputación conmemora no Museo de Pontevedra o centenario da Sociedad Coral Polifónica cunha exposición que pon en valor as escenografías realizadas por Castelao

O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, presentou a mostra que se inaugura mañá venres, xunto a directora do Museo, Ángeles Tilve, e o comisario da mostra e presidente da Sociedad, Carlos Valle

13/03/2025

A Deputación conmemora no Museo de Pontevedra o centenario da Sociedad Coral Polifónica

A Deputación conmemora no Museo de Pontevedra o centenario da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra cunha exposición que percorre o século de existencia desta agrupación nacida co afán de contribuír, a través da música, á construción da cultura galega. A mostra, comisariada por Carlos Valle, inclúe reproducións das escenografías realizadas por Castelao na década de 1920. Inaugúrase mañá venres 14 de marzo e poderase visitar ata o 20 de abril.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, presentou hoxe a exposición xunto a directora do Museo, Ángeles Tilve, e Carlos Valle, que ademais de comisario é presidente da Sociedad Coral Polifónica. Domínguez sinalou que “non hai nada máis pontevedrés que o Museo de Pontevedra, a Polifónica e Castelao, e se unimos todo isto temos o centenario da Polifónica, que se celebra este ano cunha exposición no Museo que permite achegarse a unha das partes menos coñecidas da obra de Castelao: as escenografías que fixo para esta agrupación”. O vicepresidente puxo o énfase en que “se es de Pontevedra tes que vir a esta exposición, porque é parte da historia da nosa cidade”.

Carlos Valle sinalou que “tanto o Museo como a Polifónica naceron nos anos centrais da década de 1920, cando Pontevedra era un faro que iluminaba Galicia”. Valle animou aos pontevedreses “a reencontrarse con parte do seu pasado” nesta exposición, reiterando que é unha mostra “para ver con calma e visitar máis dunha vez”, cun interese que vai máis aló do local, pola significación que esta agrupación tivo ao longo da súa historia para a cultura galega.

A mostra fai un percorrido pola historia da Sociedad desde a súa  fundación o 3 de febreiro de 1925, seguida da súa aparición pública moi pouco tempo despois, os días 9 e 10 de abril, nas igrexas pontevedresas de San Francisco e Santa María. O seu nacemento supuxo unha revolución no panorama musical de Galicia tanto pola composición do colectivo, xa que foi a primeira coral galega que incorporou mulleres á súa nómina de cantores, coma polo repertorio que interpretaba. A Polifónica combinaba composicións antigas e modernas, entre as que destacaban as producidas polos seus propios directores, unha tradición mantida ao logo do tempo.

Na exposición pódense ver partituras manuscritas, programas de man, recoñecementos e condecoracións, discos gravados nos primeiros anos de existencia da Coral e outras gravacións posteriores, e un amplo repertorio fotográfico que cobre os cen anos de historia desta entidade. Na mostra teñen un lugar destacado as figuras clave no nacemento da agrupación: Antón Losada Diéguez, Alfonso Daniel Rodíguez Castelao, Antonio Blanco Porto e Antonio Iglesias Vilarelle. Estes dous últimos foron, respectivamente, o seu primeiro e o seu segundo director.

Escenografías de Castelao

A Polifónica incorporou ás súas actuacións unha coidada escenografía preparada por Castelao. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, explicou que na súa estancia en París en 1921, Castelao quedou entusiasmado coas representacións dos coros ucraínos e do Teatro do Morcego de Nikita Balieff, o que lle inspirou a posibilidade de crear en Galicia un teatro de arte. Nesa estancia na capital francesa descubriu novidosas fórmulas escénicas que logo aproveitou para deseñar unha novidosa escenografía para a Polifónica.

Castelao realizou cinco panos para a primeira actuación da coral nun marco civil, o 23 de marzo de  1926 no Teatro Principal de Pontevedra. Pintounos en augada e tinta sobre papel, realizando un pano de boca, no que representa a san David, e outros catro panos: Sala para música profana ou Sala dos Quiquiriquís; Pórtico románico; Rosetón oxival, que sería sempre o máis loado dos decorados da Polifónica, e Alcoba.

En abril de 1926 estreou Rúa, no Teatro Principal de Santiago, e Interior de igrexa, no de Pontevedra e, en decembro dese mesmo ano, un segundo pano de boca, Arco da vella, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. En novembro de 1934, a piques de marchar cara ao desterro en Badaxoz, Castelao presentou no Teatro Principal de Pontevedra o que foi o seu último pano para a Polifónica, o monumental Capela oxival.

O Museo conserva, en depósito da Sociedad Coral Polifónica, oito destas escenografías. Na exposición móstrase a reprodución a escala de cinco delas, xa que, polas súas enormes dimensións, non é posible exhibir as orixinais. Tamén se inclúen fotografías das dúas que hoxe están perdidas, e un vídeo no que Ángeles Tilve, Carlos Valle e o pintor Rafael Úbeda explican interesantes detalles do proceso de concepción, creación, aparición pública e restauración dos panos.

Galerias de imaxes