A Deputación aposta pola danza e o teatro na Culturgal cunha intensa programación de actividades durante a fin de semana
A presenza da institución provincial na feira xira arredor do circuíto “+Escénicas”, e tamén contará con obradoiros de balde para a rapazada
26/11/2024
A Deputación de Pontevedra aposta pola danza e o teatro na décimo sétima edición da Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que reunirá o sector cultural cos seus públicos esta fin de semana, entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. A presenza da institución provincial este ano céntrase no novidoso circuíto “+Escénicas”, unha vella reivindicación do sector cultural da provincia que está a permitir que se programen un cento de funcións de artes escénicas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia ata marzo de 2025, e que se enmarcan nun catálogo con ata 300 propostas dispoñibles para enriquecer a súa programación cultural.
Así, a Deputación non só divulgará entre o sector profesional e o público asistente as características do circuíto “+Escénicas” e o calendario previsto de actividades, senón que tamén programará durante a feira accións de danza e teatro, as dúas disciplinas artísticas que están incluídas no circuíto. Deste xeito o sábado 30 de novembro ás 20:00 horas levará ata o Espazo Arte “De mar e danza”, con tres pezas curtas co mar como protagonista interpretadas por tres creadoras emerxentes de Galicia: Raquel Ferradás, DeXeito e Marcia Vázquez, a través de Amarelo Distribución Escénica. A primeira, “Mesura”, báilalle á espera en diferentes momentos da vida. A segunda, “77.000”, busca contar a historia do petroleiro Prestige e a acción colectiva posterior a través da danza. Por último, “Onde pousa a humidade” inspírase na Costa da Morte, a costa con máis naufraxios de Europa.
O domingo 1 de decembro ás 17:00 horas no Escenario A terá lugar a función de teatro “A vida, un frenesí”, a cargo de A Farra Xous. Nela, unha tola parella de pallasos conta cunha receita para sobrevivir neste frenesí chamado vida: abrir o corazón e non parar de xogar e rir. O espectáculo cómico de clown, para todos os públicos, trata en clave de humor o paso do tempo, a familia e a actualidade sociopolítica. A obra está protagonizada por Adolfo “Popín” Maguna Strasser e Manuel “Lolo” Castro Lima, pallasos de profesión con máis de 35 anos de experiencia coa compañía Barafunda en escenarios de toda Galicia.
Ademais dos espectáculos, a Deputación programa na Culturgal obradoiros infantís de acceso libre relacionados tamén coas artes escénicas. O sábado 30 centraranse na maquillaxe teatral, con Sisel en horario de 12:00 a 14:00 horas, e no circo, con Desastronauts de 17:30 a 19:30 horas. Xa o domingo continuarase cun de maxia, co Mago Teto desde as 12:00 ata as 14:00 horas, e finalmente un de globoflexia a cargo de Barafunda-A Farra Xous de 18:00 a 20:00 horas. Todas estas actividades terán lugar no posto da Deputación de Pontevedra.
A Deputación de Pontevedra ten reforzado o seu compromiso coa Culturgal este ano, de xeito que o seu apoio económico coa feira chega ata os 40.000 euros, unha suba significativa do 33% con respecto a edicións anteriores. Ademais da presenza institucional centrada no circuíto “+Escénicas”, o Museo de Pontevedra tamén contará cun posto propio.