#CULTURA

Culturgal

Feira das Culturas Galegas

A Deputación de Pontevedra estará presente un ano máis en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro de 2024 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este ano apostamos pola novidade do circuíto “+Escénicas”, para apoiar a programación de artes escénicas en galego nos concellos de ata 20.000 habitantes da provincia, que conta cun catálogo propio con case 300 espectáculos de teatro e danza. Nesta primeira edición hai máis de 100 funcións programadas ata marzo de 2025.


A programación da Deputación nesta feira cultural, tanto no posto propio coma no espazo xeral, está ligada ao circuíto “+Escénicas”, para promocionalo entre o sector profesional e o público asistente.

Actuacións no Espazo xeral de Culturgal:


+Danza. De mar e danza. Mesura, 77.000 e Onde pousa a humidade. Raquel Ferradás, DeXeito e Marcia Vázquez.

Amarelo Distribución Escénica

Sábado 30 de novembro, ás 20:00 h. Espazo Arte

Tres pezas curtas de danza onde o mar é o protagonista, interpretadas por tres creadoras emerxentes de Galicia. Un espectáculo conxunto que formará parte do catálogo “+Escénicas”. Mesura báilalle á espera en diferentes momentos da vida; 77.000 busca contar a historia do petroleiro Prestige e a acción colectiva posterior a través da danza; e Onde pousa a humidade inspírase na Costa da Morte, a costa con máis naufraxios de Europa.

Raquel Ferradas
DeXeito
Marcia Vázquez

+Teatro. A vida, un frenesí. A Farra Xous

A vida, un frenesí

 

Domingo 1 de decembro, ás 17:00 h. Escenario A (Escénicas)

Esta tola parella de pallasos conta cunha receita para sobrevivir neste frenesí chamado vida: abrir o corazón e non parar de xogar e rir. É un espectáculo cómico de clown para todos os públicos que trata o paso do tempo, desde a infancia ata a vellez, a familia e a actualidade sociopolítica en clave de humor. Obra protagonizada por Adolfo “Popín” Maguna Strasser e Manuel “Lolo” Castro Lima, pallasos de profesión con máis de 35 anos de experiencia coa compañía Barafunda en escenarios de toda Galicia. Este espectáculo forma parte do catálogo “+Escénicas”.

 

 


Obradoiros infantís de acceso libre no posto da Deputación de Pontevedra.

As nenas e nenos poderán realizar pequenas actividades de artes escénicas.

  • Maquillaxe teatral con Sisel. Sábado 30 de novembro, de 12:00 a 14:00 h
  • Circo con Desastronauts. Sábado 30 de novembro, de 17:30 a 19:30 h
  • Maxia co Mago Teto. Domingo 1 de decembro, de 12:00 a 14:00 h
  • Globoflexia con Barafunda-A Farra Xous. Domingo 1 de decembro, de 18:00  a 20:00 h

Pódese consultar a programación xeral da feira e adquirir as entradas en www.cultur.gal