A Deputación destina máis de 20.000 euros á instalación dun novo videomarcador do campo de fútbol da Lomba de Vilagarcía de Arousa
O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas xa mobilizou preto dun millón de euros entre 18 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
01/04/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda para o Concello de Vilagarcía de Arousa ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas por importe de máis de 21.000 euros. A través deste plan, aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, o Goberno provincial mobilizou preto de 1 dos 4 millóns do orzamento total, con achegas, ademais de para Vilagarcía de Arousa, para A Cañiza, Arbo, As Neves, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Meis, Pazos de Borbén, Poio, Redondela e Salceda de Caselas.
En concreto, o Concello de Vilagarcía dedicará esta achega de 21.995 euros do mencionado plan á subministración e instalación dunha pantalla led videomarcador no campo de fútbol da Lomba. O obxectivo é continuar adaptando as instalacións aos estándares esixidos para a realización de partidos na categoría de segunda RFEF, despois de que o Concello efectuase unha completa renovación das súas luminarias. Desta maneira, instalarase un videomarcador cun tamaño mínimo de 13 m2, que incluirá unha pantalla led de última xeración que poderá usarse espazos deportivos, tanto exteriores coma interiores. Ademais, a pantalla terá a dobre función de servir de marcador deportivo e de soporte audiovisual informativo ou publicitario.
Cómpre recordar que Vilagarcía de Arousa é o concello máis beneficiado polo Plan extraordinario de infraestruturas deportivas e poderá solicitar ata un máximo de 206.000 euros para construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.