A Deputación aproba unha achega por valor de 70.000 euros para realizar melloras no campo de fútbol do Oural, en Salvaterra de Miño

O presidente, Luis López, avanza que a actuación será financiada integramente pola institución provincial, xa que aos 70.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas hai que engadirlle outra achega de máis de 18.000 euros do Plan +Provincia

19/04/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres unha achega ao Concello de Salvaterra de Miño no marco do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros. Con esta achega, que ascende a máis de 70.000 euros, Salvaterra de Miño acondicionará os vestiarios do campo de fútbol do Oural.

Tal e como explicou o presidente da Deputación, Luis López, a actuación será integramente financiada pola institución provincial, xa que, ademais destes recursos, contará con outra achega de máis de 18.000 euros, neste caso do Plan +Provincia, ata chegar a máis de 88.000 euros. As obras permitirán acondicionar os locais situados baixo a bancada do campo que ata agora se empregaban como almacéns. Na actualidade, o campo conta con outros dous vestiarios (e outro pequeno para o equipo arbitral), que resultan insuficientes nos días de adestramento ou partido. O novo espazo contará con medidas de illamento e de eficiencia enerxética, e terá cadansúa zona para cambiarse, outra de duchas e mais unha cabina individual accesible.

Ata o momento, a Deputación de Pontevedra xa mobilizou máis de 1,7 dos 4 millóns do orzamento total deste plan, do que aprobaron axudas para os concellos de Arbo, Baiona, Barro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.