A Deputación aproba 50.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para que Vilaboa realice obras no pavillón do Toural

A través deste plan distribuíronse xa preto de 1,4 millóns de euros entre 23 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

11/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar concederlle unha achega de preto de 50.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas ao Concello de Vilaboa para o proxecto de acondicionamento e renovación das instalacións no pavillón do Toural. Ata o momento, o Goberno provincial mobilizou ao abeiro deste Plan preto de 1,4 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas para 23 concellos da provincia. Desta maneira, ademais de Vilaboa, recibiron subvencións A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa.

O Concello de Vilaboa destinará os recursos da Deputación a obras de renovación neste pavillón polideportivo municipal construído no ano 1994. Na actualidade, o recinto atópase nun estado que non resulta adecuado para a correcta utilización por parte das persoas usuarias, debido á falta de auga quente nas duchas, así como o mal estado xeral dos revestimentos, a imposibilidade de illar certos treitos das instalacións en caso de mal funcionamento e as recentes filtracións de auga que se produciron a través dos paneis translúcidos da cuberta. Ademais, o sistema de iluminación interior non é eficiente.

Coas obras que se acometerán cos recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas arranxaranse estas deficiencias, con accións coma a demolición e construción dunha nova cuberta parcial; a instalación dun novo armario para un cadro xeral de mando, de novos puntos de luz de emerxencia e reposición de tomas de enchufe en vestiarios e aseos; ou a instalación dunha porta de garaxe para labores de mantemento no interior da pista. Tamén se mellorarán as instalacións de auga e se instalarán dous equipos de aerotermia. No relativo aos aseos e vestiarios, substituirase o pavimento, pintaranse as paredes e dotaranse de módulos de banco con respaldo, colgadoiro, alzadeiro e zapateiro. Por último, substituirase a iluminación na pista deportiva e no exterior por luminarias LED de baixo consumo.