A Deputación concédelle 13.000 euros do Plan de infraestruturas deportivas á Illa de Arousa para equipar o ximnasio municipal

A través deste plan distribuíronse xa máis de 1,8 millóns de euros entre 30 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

24/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de 13.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dotado con 4 millóns de euros, para o Concello da Illa de Arousa. O Goberno local pretende dedicarlle a totalidade deste investimento a adquirir mobiliario deportivo para equipar o ximnasio municipal, situado no Edificio de Usos Náutico-Deportivo, no Bao.

Desta maneira, o Concello da Illa de Arousa dedicaralle esta achega de 13.049 euros a esta infraestrutura deportiva na que se exercitan tanto deportistas dos clubs municipais como a veciñanza do concello. Así, adquiriranse aparellos coma unha cinta de correr, un rack (gaiola de ximnasio) e os seus accesorios, unha máquina de fondos e dominadas asistidas, unha prensa inclinada ou jaca, un hip thrust (para exercicios de glúteos) e unha última de abdutor e adutor. Ademais, instalarase un solo en azulexo en caucho negro.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento máis de 1,8 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas, ademais de para A Illa de Arousa, para A Cañiza, A Estrada, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.