A Deputación aproba unha achega de preto de 60.000 euros para que Soutomaior reforme a entrada principal do campo de fútbol municipal de Candán

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que distribuíron xa 1,9 millóns de euros entre concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

25/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de 57.000 € ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros, para o Concello de Soutomaior. Con estes recursos, o Goberno local reformará a entrada principal do campo de fútbol municipal de Candán e realizará outras melloras.

Desta maneira, cambiaranse o portalón e as portas de entrada do campo, porase un novo despacho de billetes e xardineiras e mellorarase tanto a iluminación interior deste novo local como o exterior, onde tamén se colocarán as letras co nome do complexo deportivo. Ademais, entre os traballos a realizar contémplase a substitución da cuberta na terraza da cantina, a instalación do solado do local da lavandería, dentro dos vestiarios, e unha porta na entrada do baño. Por último, o goberno local procederá a instalar unha rede de protección detrás das porterías.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento 1,9 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas, ademais de para Soutomaior para A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.