A Deputación leva a próxima semana “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta” ata Meaño, Ribadumia, Pontecesures e Mos
Trátase dun contacontos para homenaxear á protagonista das Letras Galegas 2024, que alterna narración, ilustración e música
20/07/2024
A Deputación continúa esta semana levando polos concellos da provincia "Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta", un contacontos para festexar as Letras Galegas e divulgar a traxectoria da autora homenaxeada neste 2024. En concreto, e despois de visitar Ponte Caldelas, O Rosal, Gondomar, Moraña e Salceda a pasada semana, o próximo luns 22 de xullo chega a Meaño (11:00 horas no CEIP de Coirón en Dena) e Ribadumia (12:30 horas na Carballeira de Ribadumia); o martes 23 a Pontecesures (12:30 horas no CEIP de Pontecesures); e o venres 26 a Mos (20:30 horas no Pazo de Mos).
Polo Correo do Vento será o encargado de executar este contacontos ilustrado en Meaño, Ribadumia, Pontecesures e Mos que consistirá, por unha banda, na narración da vida de Luísa Villalta e na creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, abrangue a interpretación de distintas pezas musicais e pecharase cun pequeno coloquio adaptado á idade da rapazada participante. Completarase a sesión cun obradoiro no que cada asistente realizará a súa propia caricatura de Villalta.
A Real Academia Galega (RAG) dedicoulle o Día das Letras Galegas 2024 á escritora, filóloga e violinista galega Luísa Villalta. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, e a RAG destaca dela que foi "creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90".