A Deputación leva a próxima semana “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta” ata Ponte Caldelas, O Rosal, Gondomar, Moraña e Salceda

O contacontos para homenaxear a protagonista das Letras Galegas 2024, que alterna narración, ilustración e música, chega tamén neste mes de xullo a Meaño, Ribadumia, Pontecesures, Mos, Portas, Catoira e Forcarei

14/07/2024

A Deputación continúa esta semana levando polos concellos da provincia “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta”, un contacontos para festexar as Letras Galegas e divulgar a traxectoria da autora homenaxeada neste 2024. En concreto, e despois de visitar Mondariz-Balneario o pasado venres, o próximo luns 15 de xullo chega a Ponte Caldelas (11:00 horas no CEIP Manuel Cordo), o martes 16 a Gondomar (10.30 horas no CEIP Chano Piñeiro) e O Rosal (12:30 horas no Auditorio Municipal), e o mércores 17 a Moraña (12:00 horas no Edificio Multiusos) e Salceda de Caselas (20:00 horas no Auditorio da vila).

Polo Correo do Vento será o encargado de executar este contacontos ilustrado en Mondariz-Balneario que consistirá, por unha banda, na narración da vida de Luísa Villalta e na creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, abrangue a interpretación de distintas pezas musicais e pecharase cun pequeno coloquio adaptado á idade da rapazada participante. Completarase a sesión cun obradoiro no que cada asistente realizará a súa propia caricatura de Villalta.

Tralo seu paso por Ponte Caldelas, O Rosal, Gondomar, Moraña e Salceda, “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta” continuará percorrendo a provincia e chegará o 22 de xullo a Meaño e Ribadumia; o 23 de xullo a Pontecesures; o 26 de xullo a Mos, así como tamén a Portas, Catoira e Forcarei (nestes últimos tres concellos pendentes de asignar data).

A Real Academia Galega (RAG) dedicoulle o Día das Letra Galegas 2024 á escritora, filóloga e violinista galega Luísa Villalta. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, e a RAG destaca dela que foi “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90”.