A Deputación leva esta fin de semana a Baiona, O Porriño e Vila de Cruces “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta”, un contacontos para homenaxear a autora protagonista das Letras Galegas 2024

A actividade, que alternará narración, ilustración e música, chegará tamén neste mes de xullo a Mondariz-Balneario, Ponte Caldelas, O Rosal, Gondomar, Moraña, Salceda de Caselas, Meaño, Ribadumia, Pontecesures, Mos, Portas, Catoira e Forcarei

04/07/2024

A Deputación continúa esta fin de semana levando polos concellos da provincia “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta”, un contacontos para festexar as Letras Galegas e divulgar a traxectoria da autora homenaxeada neste 2024. En concreto, e despois de visitar Ponteareas, Cambados e As Neves a pasada semana, este venres 5 de xullo chega a Baiona, ás 10:30 horas na Biblioteca Municipal, e ao Porriño, ás 19:00 horas na Praza Antonio Palacios, e o domingo, 7 de xullo, a Vila de Cruces, onde terá lugar ás 17:00 nas Escolas Vellas de Piloño.

Polo Correo do Vento será o encargado de executar este contacontos ilustrado en Baiona, O Porriño e Vila de Cruces que consistirá, por unha banda, na narración da vida de Luísa Villalta e na creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, abrangue a interpretación de distintas pezas musicais e pecharase cun pequeno coloquio adaptado á idade da rapazada participante. Completarase a sesión cun obradoiro no que cada asistente realizará a súa propia caricatura de Villalta.

Tralo seu paso por Baiona, O Porriño e Vila de Cruces, “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta” continuará percorrendo a provincia o 12 de xullo Mondariz-Balneario; o 15 de xullo Ponte Caldelas; o 16 de xullo O Rosal e Gondomar; o 17 de xullo Moraña e Salceda de Caselas; o 22 de xullo Meaño e Ribadumia; o 23 de xullo Pontecesures; o 26 de xullo Mos, así como tamén Portas, Catoira e Forcarei (nestes últimos tres concellos pendentes de asignar data).

A Real Academia Galega (RAG) dedicoulle o Día das Letra Galegas 2024 á escritora, filóloga e violinista galega Luísa Villalta. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, e a RAG destaca dela que foi “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90”.