Luis López afirma que os méritos deportivos e os valores de Teresa Portela converten á deportista nunha das “grandes embaixadoras da provincia” ante o mundo

A deportista española con máis participacións olímpicas comparte, nun faladoiro en Cangas, a súa experiencia deportiva e a influencia dos valores do deporte e de vivir na provincia de Pontevedra na súa carreira

09/10/2024

Primeira charla do ciclo Unha vida olímpica en Cangas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou á padeeira Teresa Portela como “a mellor embaixadora que Cangas e a provincia poderían ter” na apertura do ciclo de conferencias “Unha vida olímpica”, nas que a única deportista española en participar en sete Xogos Olímpicos afonda sobre a importancia e incidencia dos valores do deporte na sociedade desde un punto de vista persoal e tamén da influencia da contorna das Rías Baixas na súa carreira e na súa vida. Un acto ao que asistiron tamén a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez; e a deputada de Turismo, Nava Castro.

Este ciclo de faladoiros forma parte da alianza establecida entre a institución provincial e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo. A xeira comezou este mércores no auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas, a súa vila natal, e continuará nos vindeiros meses, ata final de ano, con tres conferencias máis en Tui, Vigo e Pontevedra.

“Se Aldán, Cangas, as Rías Baixas e a provincia de Pontevedra son coñecidos en todo o mundo é por ti; se este territorio é unha potencia mundial en piragüismo é por ti e se os pontevedreses estamos orgullosos do que somos e podemos ser é tamén por referentes coma ti”, agradeceu Luis López nun auditorio cheo de seguidores de Portela, que tiveron a oportunidade de compartir unha tarde con esta “lenda” do deporte e da sociedade pontevedresa.

O apoio do organismo provincial á deportista de Aldán supón unha mostra máis do compromiso do goberno de Luis López co deporte, a través do apoio aos deportistas e como instrumento para dar a coñecer o destino turístico Rías Baixas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.