A Deputación organiza o próximo mércores 20 de outubro en Vigo unha conferencia de Teresa Portela sobre valores deportivos

Terá lugar ás 18:00 horas na Sede da Deputación e forma parte de “Unha vida olímpica”, a alianza establecida entre a Deputación e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo

17/11/2024

A Deputación de Pontevedra organiza o próximo mércores 20 de novembro, ás 18:00 horas, na sede da institución provincial en Vigo unha conferencia de Teresa Portela sobre valores deportivos. Esta charla, que será presentada pola vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez, forma parte de “Unha vida olímpica”, a alianza establecida entre a institución provincial e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo.

Para o Deputación de Pontevedra Teresa Portela é un exemplo de constancia, conciliación e igualdade que se ten convertido en lenda non só polo seu extenso palmarés deportivo, senón polos valores que transmite cada día. Deste xeito, a deportista afondará na súa conferencia en Vigo sobre a importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade. Tamén dará a coñecer a súa traxectoria deportiva, que a ten convertido na primeira muller española en participar en sete Xogos Olímpicos, e como os valores deportivos influíron no seu éxito. Ademais, analizará a importancia, relación e pegada da contorna da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas na súa carreira.

O apoio do organismo provincial á deportista de Aldán supón unha mostra máis do compromiso do goberno de Luis López co deporte, a través do apoio aos deportistas e como instrumento para dar a coñecer o destino turístico Rías Baixas. Neste eido, a conferencia de Teresa Portela en Vigo terá réplica noutras dúas localidades da provincia tras pasar xa pola vila natal da deportista, Cangas.