A Deputación acolle no Pazo provincial a conferencia sobre a vida olímpica de Teresa Portela
A deputada provincial María Ramallo presentou a actividade, que está enmarcada En Unha vida olímpica, unha alianza entre a institución e a piragüista co obxectivo de levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo
04/12/2024
A Deputación de Pontevedra acolleu este mércores no Pazo provincial, en Pontevedra, unha conferencia sobre valores deportivos da man da olímpica Teresa Portela. A actividade, que foi presentada pola deputada provincial María Ramallo, forma parte de Unha vida olímpica, unha alianza establecida entre a institución provincial e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo.
María Ramallo destacou a importancia da piragüista, “non só pola súa traxectoria deportiva, tamén porque nos transmite a todos os valores do deporte, do olimpismo: o espírito de superación, o traballo diario e a resiliencia, e porque é un exemplo e fonte de inspiración”. Unha carreira deportiva, a de Teresa Portela, na que destaca a súa prata olímpica en Tokio, pero tamén as 17 en campionatos mundiais e as outras 17 en europeos: “É, sen dúbida, a mellor embaixadora que podían ter Aldán, Cangas, as Rías Baixas e a provincia de Pontevedra”.
A deputada provincial lembrou que esta alianza entre a deportista e a Deputación de Pontevedra xurdiu “porque queremos dar a coñecer como as Rías Baixas influíron na túa carreira”. “Unha carreira que leva o nome das Rías Baixas por todo o mundo da túa man, igual que da túa man conseguimos posicionarnos como unha potencia mundial en piragüismo”, asegurou.
Unha vida olímpica xa se celebrou anteriormente na vila natal de Portela, Cangas do Morrazo, e en Vigo. Despois da cita de hoxe en Pontevedra, chegará en xaneiro a Tui. Nas conferencias, a olímpica afonda na importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade, ademais de dar a coñecer a súa traxectoria deportiva e de explicar como eses valores deportivos e mais a pegada da provincia de Pontevedra influíron no seu éxito.