A Deputación organiza o mércores en Pontevedra unha conferencia de Teresa Portela sobre valores deportivos
Terá lugar ás 18:00 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial e enmárcase en “Unha vida olímpica”, a alianza establecida entre a Deputación e a olímpica para levar o nome das Rías Baixas polo mundo
01/12/2024
A Deputación de Pontevedra organiza o próximo mércores 4 de decmbro, ás 18:00 horas, unha conferencia de Teresa Portela centrada nos valores deportivos. Esta charla forma parte de “Unha vida olímpica”, a alianza establecida entre a institución provincial e a piragüista olímpica co obxectivo de levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo. A conferencia terá lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial.
Para o Deputación de Pontevedra Teresa Portela é un exemplo de constancia, conciliación e igualdade que se converteu en lenda non só polo seu extenso palmarés deportivo, senón polos valores que transmite. Deste xeito, a deportista afondará na súa conferencia en Pontevedra sobre a importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade. Tamén dará a coñecer a súa traxectoria deportiva, que a converteu na primeira muller española en participar en sete Xogos Olímpicos, e amosará como os valores deportivos influíron no seu éxito. Ademais, a piragüista analizará a importancia, a relación e a pegada que a contorna da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas deixan na súa carreira.
O apoio do organismo provincial á deportista de Aldán supón unha mostra máis do compromiso do goberno da Deputación co deporte, a través do apoio aos deportistas e como instrumento para dar a coñecer o destino turístico Rías Baixas. Neste eido, a conferencia de Teresa Portela xa pasou tamén pola súa Cangas natal e pola cidade de Vigo e, tralo seu paso por Pontevedra, chegará no próximo mes de xaneiro a Tui.