A deputada Nava Castro remarca o apoio da Deputación a Música no Claustro, ao que a institución provincial destina por primeira vez unha achega económica

23/07/2024

A deputada de Turismo, Nava Castro, remarcou o firme apoio da Deputación ao Festival de Música no Claustro de Tui, ao que destina unha achega económica por primeira vez nos seus 18 anos de historia. “Compráceme dicir que por vez primeira a Deputación de Pontevedra vai destinar recursos económicos para impulsar Música no Claustro. Facémolo –engadiu a deputada- porque confiamos no poder transformador da cultura e da música e porque sabemos que este é un extraordinario xeito de apoiar ao tecido profesional musical e de impulsar a investigación, a preservación e a divulgación cultural”.

Nava Castro, que participou na presentación deste evento que terá lugar na cidade de Tui entre o 1 e o 7 de agosto, xunto co seu alcalde, Enrique Cabaleiro, o secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ramón Pereiro, e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, agradeceu ao organizador de Música no Claustro, Samuel Diz, a súa iniciativa para impulsar este festival que se ten conseguido situar “como parte fundamental da programación cultural e musical de Tui e tamén do conxunto da provincia”.