A Deputación leva a Ponteareas “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta”, un contacontos para homenaxear a autora protagonista das Letras Galegas 2024
A actividade, á que asistirá a alcaldesa e deputada provincial Nava Castro e que alternará narración, ilustración e música, terá lugar a partir das 18:00 horas no Auditorio Reveriano Soutullo
24/06/2024
A Deputación leva este martes a Ponteareas “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta”, un contacontos para festexar as Letras Galegas e divulgar a traxectoria da autora homenaxeada neste 2024. A actividade, á que asistirá alcaldesa da vila e tamén deputada provincial, Nava Castro, terá lugar no Auditorio Reveriano Soutullo a partir das 18:00 horas.
Polo Correo do Vento será o encargado de executar este contacontos ilustrado que consistirá, por unha banda, na narración da vida de Luísa Villalta e na creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, abrangue a interpretación de distintas pezas musicais e pecharase cun pequeno coloquio adaptado á idade da rapazada participante. Completarase a sesión cun obradoiro no que cada asistente realizará a súa propia caricatura de Villalta.
Tralo seu paso por Ponteareas, “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta” percorrerá a provincia visitando o 26 de xuño Cambados e As Neves; o 5 de xullo O Porriño e Baiona; o 7 de xullo Vila de Cruces; o 12 de xullo Mondariz-Balneario; o 15 de xullo Ponte Caldelas; o 16 de xullo O Rosal e Gondomar; o 17 de xullo Moraña e Salceda de Caselas; o 22 de xullo Meaño e Ribadumia; o 23 de xullo Pontecesures; o 26 de xullo Mos, así como tamén Portas, Catoira e Forcarei (nestes últimos tres concellos pendentes de asignar data).
A Real Academia Galega (RAG) dedicoulle o Día das Letra Galegas 2024 á escritora, filóloga e violinista galega Luísa Villalta. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, e a RAG destaca dela que foi “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90”.