A Deputación avánzalle ao tecido musical da provincia que reforzará a aposta polo circuíto de concertos de música en galego

O presidente da Deputación, Luis López, e a vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, trasladáronlles ás e aos representantes do sector que terán un papel activo na configuración da iniciativa

16/01/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, mantiveron este martes un encontro con representantes do tecido musical da provincia para comezar a perfilar o contido do programa de difusión da música local en toda a provincia e no que a Deputación reforzará con máis apoio o circuíto de concertos de música en galego nos concellos. Esta reunión de traballo serviu tamén para escoitar as demandas e as propostas das e dos membros do colectivo para mellorar un programa ao que o Goberno provincial lle dará un forte impulso este ano. “Este programa será unha ponte entre o tecido musical e cultural da provincia, a Deputación e o público para que a música pontevedresa vaia a máis”, explicou Luis López ao comezo da reunión.

O presidente trasladoulles ás músicas e músicos o compromiso da Deputación coa defensa e coa promoción da cultura na provincia, unha área estratéxica que conta cunha partida de 4,7 millóns de euros no orzamento deste ano do organismo provincial, un 20 % máis que en 2023. Neste sentido, o mandatario provincial confirmou que o programa musical se reforzará en todos os aspectos e o tecido musical da provincia xogará tamén un papel fundamental.

“A cultura, o apoio aos creadores e á industria cultural da provincia, así como organizar eventos culturais nos concellos, é unha área estratéxica dentro da acción de Goberno da Deputación de Pontevedra. Por este motivo, organizamos este encontro de traballo, que é un primeiro paso para planificar o ano musical na provincia. Imos escoitar as vosas propostas e as vosas inquedanzas para adaptalas ao novo programa de apoio á música e aos músicos da provincia”, explicou o presidente provincial.

O obxectivo deste programa é poñer á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega. Unha iniciativa na que se terán en conta as propostas do colectivo para encher de música galega todas as vilas da provincia. “Queremos mellorar as bases coas ideas que teñades porque é un programa que queremos reforzar”, asegurou a vicepresidenta durante a reunión.

Apoio á cultura

Este proxecto para a difusión da música galega non é o único que a Deputación de Pontevedra ten en marcha para apoiar a cultura da provincia. A finais de ano o Goberno provincial aprobou as bases do programa “Culturea”, unha acción dotada cun millón de euros e destinada a apoiar as entidades culturais para facilitar e promover a organización de diversas actividades en todos os concellos da provincia.

Galerias de imaxes