A Deputación leva este sábado a Pazos de Borbén e A Cañiza o circuíto +Escénicas con dúas funcións de teatro e ás Neves o documental “A viaxe de Lucy” no marco do Ciclo Mestre Mateo

“Elas”, de Vero Rilo, representarase no Auditorio de Pazos de Borbén ás 20:00 horas, e “Chola a it girl”, de Artesa Cía, na Casa da Cultura da Cañiza ás 20:30 horas

21/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 23 de novembro o circuíto +Escénicas aos concellos de Pazos de Borbén e A Cañiza cos espectáculos de teatro “Elas”, de Vero Rilo, e “Chola a it girl”, de Artesa Cía. Tamén o sábado chega ata As Neves o Ciclo Mestre Mateo, no que a institución provincial colabora coa Academia Galega do Audiovisual, coa proxección de “A viaxe de Lucy”, finalista a mellor documental na edición 2024 dos premios do audiovisual galego

“Elas”, da que en Pazos de Borbén se representará unha versión adaptada ao público familiar, é unha selección de historias de vida, tanto da autora como tradicionais. A obra presenta unha serie de escenas nas que Vero Rilo vai interpretando a cinco mulleres, con diferentes historias e vivencias que van desde a infancia ata a idade adulta. A función, que terá lugar no Auditorio do Concello ás 20:00 horas, aborda temas como a loita feminista, a violencia de xénero, a maternidade, a sexualidade ou as relacións interpersoais.

“Chola a it girl” chegará á Cañiza e presenta a Chola que, cansa de ver como a xente ofrece unha imaxe perfecta de si mesma nas redes sociais, decide mostrar a súa vida imperfecta, auténtica e rural. Farao cun show onde ofrecerá ao público 10 tips, con exemplos prácticos e didácticos, para poder converterse nunha it girl glocal, á vez que ofrece reflexións sobre quen somos, que nos gusta, que nos divirte e de onde vimos, para poñer en valor que o rural tamén pode ser tendencia. Representarase na Casa da Cultura ás 20:30 horas.

Ambas funcións enmárcanse en +Escénicas, o novo circuíto da institución provincial co que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros. Con esta iniciativa, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

Ciclo Mestre Mateo nas Neves

Tamén chega o sábado ás Neves a proxección de “A viaxe de Lucy”, no marco do Ciclo Mestre Mateo no que a Deputación de Pontevedra colabora coa Academia Galega do Audiovisual. A peza, dirixida por Ruth Chao e que poderá verse no Auditorio Municipal da vila ás 20:00 horas, trátase dunha película documental que narra unha misión espacial da NASA a través dos ollos de Hal Levison, Cathy Olkin, Donya Douglas e Matt Cox. O documental derruba os clixés da profesión a través da intimidade destes catro científicos e, cun toque de humor, busca inspirar as novas xeracións a perseguir os seus soños. A cinta foi finalista na categoría de mellor documental na edición 2024 dos premios.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.