A Deputación proxecta “A nave das Marías” este venres en Ribadumia no marco do Ciclo Mestre Mateo

O documental poderá verse no Auditorio municipal ás 21:00 horas

27/11/2024

O Auditorio municipal de Ribadumia acolle este venres 29 de novembro unha nova proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra. Nesta sesión, que comezará ás 21:00 horas, exhibirase a cinta documental “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”, dirixida por Saamira Ganay e Cris Andina. A finalidade do Ciclo Mestre Mateo é achegar aos concellos da provincia as longametraxes e curtametraxes de ficción e documentais que resultaron finalistas na última edición dos premios do audiovisual galego.

“Emoción, vida e teatro. A nave das Marías” fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social a través dunha peza teatral creada dentro dun programa da ONG Ecos do Sur, co obxectivo de facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes. As persoas implicadas no seu proceso contan en primeira persoa como as clases de teatro e o proceso creativo influíron nas súas vidas, deixando testemuño de como pode ser unha ferramenta se efectiva para cambiar a vida da xente.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “A nave das Marías”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”, “¡Salta!”, “Os espazos en branco” e “Chichi e mais eu”, así como sesións de curtametraxes.