Luis López ilustra o impulso da Deputación ás zonas verdes ao investir case un millón de euros no parque da Ramallosa de Nigrán
O presidente da Deputación recibiu este xoves no Pazo provincial ao alcalde, Juan González, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”
21/12/2023
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Nigrán, Juan González, asinaron este xoves un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con case 770.000 euros, o 80 % do orzamento, o proxecto de mellora e remodelación do parque da Ramallosa. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % do total, máis de 190.000 euros. A sinatura do protocolo tivo lugar este xoves no Pazo provincial nun acto no que Luis López destacou a importancia da colaboración entre ambas as administracións para levar a cabo proxectos que melloran a calidade dos espazos urbanos e dos servizos dedicados á veciñanza.
A obra, valorada en preto dun millón de euros, servirá para acometer a remodelación integral do parque da Ramallosa. Unha intervención pensada para revitalizar un espazo deteriorado e central na vida social de Nigrán a través da recuperación do seu atractivo paisaxístico. Para logralo, o proxecto contempla a mellora da accesibilidade co redeseño dos itinerarios peonís e ciclistas; a renovación e actualización dos pavimentos, a mellora ambiental e novas zonas axardinadas, a ampliación do parque da Ramallosa e do parque infantil, a renovación do mobiliario urbano con aparcamento para bicicletas, o fomento da eficiencia enerxética e a xeración de espazos para a programación de actos culturais.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Nigrán realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que compatibiliza a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.
Despois de asinar o acordo, o presidente Luis López remarcou o compromiso da Deputación para colaborar cos concellos na reforma dos espazos urbanos para adaptalos aos novos tempos, mellorando a calidade de vida da cidadanía e contribuíndo á protección do medio ambiente a través da eficiencia enerxética e a aposta pola creación de novas zonas verdes.