Luis López remarca o compromiso da Deputación co patrimonio cultural para destinar 900.000 euros a recuperar as carpinterías de ribeira de Moaña

O presidente do Goberno provincial recibiu este martes na sede da Deputación á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para asinar un convenio enmarcado no programa “PON2030”

19/12/2023

Luis lópez e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este martes no seu despacho do Pazo provincial á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con case 690.000 euros, o 75 % do orzamento, o proxecto para a rehabilitación das carpinterías de ribeira da Seara. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % restante, uns 230.000 euros. Trátase dunha nova mostra de cooperación entre administracións para, neste caso, a posta en valor e recuperación do patrimonio etnográfico do Concello de Moaña, sinalou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

O proxecto, valorado en preto de 920.000 euros, céntrase na rehabilitación integral das carpinterías de ribeira de Casqueiro e Carlagho e a súa integración na contorna da praza e o paseo que bordea a praia da Xunqueira, na zona da Seara do Concello de Moaña. A intervención inclúe o recuamento das fachadas das carpinterías de ribeira para permitir a servidume de tránsito, a posta en valor das ramplas-varadoiro, a reconstrución da carpintería de ribeira de Casqueiro, volvendo recuperar a súa estrutura de madeira; e a conservación e mellora da fachada e estrutura da carpintería de ribeira de Carlagho. O obxectivo deste proxecto baséase na recuperación destes dous estaleiros tradicionais que viviron o seu auxe a comezos do século XX para o seu uso cultural e museístico.

Segundo recolle o convenio, o proxecto deberá estar executado antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Moaña realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Durante a sinatura do acordo, o presidente da Deputación insistiu na importancia da colaboración entre institucións para executar investimentos que, neste caso, melloren o patrimonio etnográfico, recuperen e poñan en valor a cultura mariñeira da provincia e, en definitiva, contribúan a mellorar a imaxe da fachada marítima das Rías Baixas.

Galerias de imaxes