A Deputación destina 110.000 euros a dotar de illas ecolóxicas de reciclaxe 11 concellos da provincia para darlles vida ao comercio local e á hostalería
Enmarcado no proxecto “Da túa man” (rural II), os sistemas de reciclaxe instalaranse na Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa
01/03/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por 110.000 euros a instalación de illas ecolóxicas de contedores ao abeiro do proxecto "Da túa man" (rural II), o programa de apoio á actividade comercial do rural da provincia que se desenvolve en once concellos da provincia. En concreto, será a empresa Baygar, S. L., a que instale as illas na Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.
Como explicou o presidente provincial, Luis López, as illas "contarán con contedores específicos para papel e cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e restos. Estarán, ademais, dotadas de paneis con información e contarán con xardineiras ornamentadas".
O proxecto "Da túa man" (rural II), dotado con 500.000 euros e financiado integramente con fondos Next Generation, está a permitir, tal e como recordou o presidente, modernizar o pequeno comercio local adaptándoo aos novos hábitos de consumo, a través da implementación e o uso das novas tecnoloxías, do desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular e a mellora no acondicionamento dos espazos e da creación de vínculos na cadea de valor do comercio local para impulsar unha estratexia común que implique as comunidades locais, os concellos e a Deputación.