A Deputación destinará 130.000 euros a dotar de sistemas de reciclaxe a once concellos da provincia para darlle vida ao comercio en zonas rurais

Instalaranse illas ecolóxicas de contedores nos concellos de Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures

30/01/2024

Xunta de Goberno 30-01-2024

A Xunta de Goberno da Deputación acaba de darlle luz verde á contratación, cun orzamento base de licitación de 130.000 euros, da subministración de illas ecolóxicas de contedores ao abeiro do proxecto “Da túa man (rural)”, o programa de apoio á actividade comercial do rural que se desenvolve en once concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures. “Este é un proxecto que busca visibilizar e modernizar o pequeno comercio local no ámbito rural, así como crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e do produto de km 0”, explicou o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa.

En concreto, as illas ecolóxicas contarán con contedores específicos para papel e cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e restos; e as empresas interesadas poderán presentar propostas ata 15 días despois da publicación do anuncio de licitación. As instalacións deberán estar dotadas, ademais, dun panel con información para facilitar a identificación das diferentes fraccións de residuos, esta última estará apoiada con guías ou folletos que se distribuirán entre os comercios e outros que servirán para facilitar a elección do xestor e o seu tratamento.

Ademais desta iniciativa que acaba de lanzar a Deputación, “Da túa man (rural I)” abrangue outros proxectos que xa están en marcha, coma a instalación de dispositivos para reciclar residuos especiais, a posta en marcha dunha rede de comercio retallista, produtores locais e provedores, a instalación de sinalética integrada, a promoción de bolsas e mochilas sostibles, o desenvolvemento de campañas de comunicación e a divulgación en soportes dixitais e diferentes accións formativas.