A Deputación ultima o prazo das axudas aos deportistas que participaron nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París 2024
A liña, que está dotada de 125.000 €, ponse en marcha tendo en conta que máis da metade dos deportistas galegos que competiron son da provincia de Pontevedra
23/09/2024
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo luns 30 de setembro o prazo para que os deportistas da provincia que participaron nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París 2024 poidan solicitar as axudas convocadas pola institución provincial. A liña está dotada dun crédito de 125.000 euros, e o goberno provincial púxoa en marcha tendo en conta que máis da metade dos deportistas galegos que competiron en París 2024 son da provincia de Pontevedra.
As achegas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva, serán de 6.000 € por deportista. Para a súa obtención deberán acreditar ter competido en representación de España nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París 2024 como deportistas, como deportistas de apoio ou como guías de deportistas paralímpicos. Ademais, deben ser persoas nadas na provincia ou estar empadroados nela desde, como mínimo, o 1 de xaneiro de 2023. Serán excluídas as que estean cumprindo actualmente algunha sanción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva de carácter grave ou moi grave.
As solicitudes, que se poderán realizar ata o próximo 30 de setembro, deben presentarse a través da sede electrónica da Deputación. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles e a documentación que é necesario achegar.