A Deputación destina 125.000 euros aos deportistas olímpicos e paralímpicos que representaron a provincia de Pontevedra nos Xogos de París 2024
Cada un dos 24 deportistas, de disciplinas como balonmán, piragüismo, vela, tiro, natación, judo, atletismo ou esgrima, recibirá 5.200 euros
22/11/2024
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de 125.000 euros entre 24 deportistas olímpicos e paralímpicos que representaron a provincia de Pontevedra nos Xogos de París 2024 en disciplinas deportivas como balonmán, piragüismo, vela, tiro, natación, judo, atletismo ou esgrima.
Cada un dos e das deportistas recibe unha bolsa de 5.200 euros porque “queremos recoñecer o seu esforzo, o seu traballo e o seu talento -asegurou o presidente Luis López- xa que levan a nome da provincia alá por onde van, e nós, desde a Deputación, queremos estar ao seu carón”. Cabe recordar que máis da metade dos deportistas galegos que participaron en París 2024 eran da provincia de Pontevedra.
Ao detalle, os deportistas aos que a institución provincial concedeu estas bolsas son Ester Navarrete, Gustavo Nieves e Desirée Vila (atletismo); Rodrigo Corrales (balonmán); Judith Rodríguez (esgrima); Francisco Garrigós, Nikoloz Sherazadishvili, David García e Laura Martínez (judo); Juan Ferrón (natación); Rodrigo Germade, Araceli Menduiña, Diego Domínguez, Teresa Portela, Rodrigo Conde, Pablo Crespo, Carolina García, Antía Jácome, Manuel Ochoa e Sara Ouzande (piragüismo); Susana Rodríguez Gacio e Antonio Serrat (triatlón), Juan Antonio Saavedra (tiro) e Támara Echegoyen (vela).