A Deputación abre este martes o prazo para solicitar as axudas para os deportistas que participan nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París

Cun orzamento de 125.000 €, cada deportista poderá recibir un máximo de 6.000 € e o prazo estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro

05/08/2024

A Deputación de Pontevedra abre este martes, 6 de agosto, o prazo para  que os deportistas da provincia que participan nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos poidan solicitar a nova liña de axudas, que conta cun orzamento total de 125.000 euros. "Poñemos en marcha estas axudas –asegurou o presidente provincial, Luis López – porque máis da metade dos deportistas galegos que van a París 2024 son da provincia".

As achegas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva, serán de 6.000 € por deportista, que deberá acreditar competir en representación de España nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París 2024 coma deportistas, deportistas de apoio ou guías de deportistas paralímpicos; ter nacido na provincia ou estar empadroado nela desde, como mínimo, o 1 de xaneiro de 2023, e non estar cumprindo actualmente ningunha sanción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva de carácter grave ou moi grave.

As solicitudes, que se poderán realizar desde este martes e ata o e ata o vindeiro 30 de setembro, deberán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación, e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles e a documentación que é necesario achegar.