A Deputación acolle este xoves no Palacete das Mendoza un faladoiro sobre María Pardo Trapote no marco de Aquí faltan Páxinas

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos abrirá o faladoiro, que terá lugar este xoves ás 19:00 horas, e será impartido por Pilar de Saa, sobriña neta de María Pardo Trapote, e Marieta Lorenzo, musicóloga e investigadora

23/09/2024

María Pardo Trapote, unha soprano de Teis nos Estados Unidos, será a protagonista este xoves 26 de seembro no Palacete das Mendoza dunha nova entrega do programa da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro que comezará ás 19:00 horas a cargo de Pilar de Saa, sobriña neta de María Pardo Trapote, e de Marieta Lorenzo, musicóloga e investigadora.

O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun pódcast que estará dispoñible nos próximo días tanto no sitio web institucional como en Ivoox e Spotify, con testemuños recollidos durante o encontro deste xoves. O faladoiro centrarase en María Pardo, nada o 13 de xaneiro de 1892 en Vigo. A súa infancia transcorreu entre a quinta familiar do Troncal, en Teis, e Pontevedra, onde vivían os seus avós maternos. Pardo rematou os cursos de piano e canto con excelentes cualificacións e a partir de 1913 comezou a destacar como unha brillante artística lírica, participando nun concurso a través do cal puido ampliar os seus estudos en Milán.  Tras pasar por varios teatros de España e Portugal, en 1935 o seu nome aparece nun programa da Sinfónica de Boston, onde faleceu en 1965.

A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a artista Mercedes Ruibal, a raíña Dona Urraca, a política e activista Urania Mella, a combatente María Araujo, ademais da soprano María Pardo.