A Deputación acolle este venres na súa sede de Vigo un faladoiro sobre Urania Mella no marco de Aquí faltan Páxinas

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos abrirá o faladoiro, que terá lugar este venres ás 19:00 horas, e será impartido por Iria Presa, filóloga, investigadora e promotora cultural

13/11/2024

A pianista, educadora, defensora da paz e dos dereitos das mulleres Urania Mella será protagonista este venres 15 de novembro na Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra dunha nova entrega do programa da institución provincial Aquí faltan páxinas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro, que comezará ás 19:00 horas e correrá a cargo de Iria Presa, filóloga, investigadora e promotora cultural, estudosa tanto da vida de Urania Mella como do seu pai, Ricardo Mella. Ademais, durante o acto a artista Silvia Penas levará a cabo unha performance histórico-poética.

O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun pódcast que estará dispoñible nos próximos días tanto no sitio web institucional como en Ivoox e Spotify, con testemuños recollidos durante o encontro deste venres. Esta nova cita de Aquí Faltan Páxinas centrarase en Urania Mella, nada en Vigo en 1899, unha muller adiantada ao seu tempo, defensora dos dereitos das mulleres e cun gran compromiso político, mais tamén social e educativo, que chegou incluso a ensinar a escribir ás súas veciñas analfabetas na Casa do Pobo. Despois de combater contra as tropas de Franco en Vigo e ver como executaban ao seu marido, foi encarcerada. Tras saír do penal vasco de Saturrarán estableceuse en Lugo cun dos seus fillos, onde morre a causa dun tumor cerebral.

A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano, ademais da traxectoria de Urania Mella, tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a raíña Dona Urraca, a soprano María Pardo, a pintora Mercedes Ruibal e a combatente María Araujo.